16/10/2026
ASPAIS e a Fundación Mencer inauguran na Coruña o novo Servizo de Apoio ao Emprego para persoas con discapacidade
Ofrecerá orientación laboral, apoio psicolóxico e acompañamento personalizado para favorecer a inclusión laboral e a autonomía.
ASPAIS e a Fundación Mencer inauguraron este xoves o novo SADE (Servizo de Apoio ao Emprego), unha iniciativa destinada a reforzar a orientación laboral, o acompañamento profesional e o desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade. A apertura deste novo servizo representa un paso máis no compromiso das dúas entidades coa inclusión sociolaboral e coa creación de oportunidades reais de emprego en Galicia.
Tal e como explicou José Ramón Dourado Lema, presidente de ASPAIS e da Fundación Mencer, «o SADE nace co obxectivo de ofrecer unha atención integral e personalizada ás persoas con discapacidade ao longo do seu itinerario de acceso ao emprego».
O servizo contará durante toda a semana cunha orientadora laboral especializada e cunha psicóloga da Fundación Mencer, que prestarán apoio individualizado nos procesos de busca de emprego, desenvolvemento persoal, adquisición de competencias e mellora da autonomía.
Este novo recurso ten como finalidade acompañar cada persoa na construción do seu proxecto profesional e vital, fortalecendo a súa confianza, independencia e integración no mercado laboral.
Ademais da orientación profesional, facilitará ferramentas e recursos para mellorar a empregabilidade e favorecer unha inserción laboral sostible e adaptada ás necesidades de cada persoa usuaria.