10/09/2026
Curso de verán
Teoría e práctica da edición no Laboratorio de Produción Literaria
Durante os meses de xuño, xullo e agosto, a Fundación Euseino? levou a cabo o Curso de Edición que no verán desenvolve o Programa de Edición dedicado a Persoas Voluntarias. Realizado no ámbito de actividades do Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit), o obxectivo deste curso é desenvolver e complementar o Programa no que as Persoas Voluntarias se forman ao longo do ano, centrado na edición literaria e na edición de mesa sen deixar de atender tamén o seu aspecto social. O curso que acaba de rematar ocupouse de composición tipográfica de poemarios, revisión lingüística e estilística de ensaio filosófico, lectura e preparación de orixinais de narrativa.
Participaron dúas persoas voluntarias, Uxía Felpeto Cabaleiro e Laura Molinos Rodríguez, xunto cos editores e escritores Carlos Lema e Beatriz Fraga, que exerceron a titoría profesional do curso. O primeiro, coñecido polo seu labor como editor de Begoña Caamaño, Xosé Neira Vilas, Domingo Villar e Chus Pato, actualmente é a persoa activa con máis delongada experiencia na edición galega; mentres que Beatriz Fraga, mestra e especialista en ilustración de contos de fadas, dirixe e edita a colección Onocrótalo de álbums ilustrados.
Edición e produción de “A man e outros poemas senlleiros”
O obxectivo do curso centrouse na edición, composición tipográfica e produción da publicación non venal titulada “A man e outros poemas senlleiros”. Realizáronse tamén labores de preparación do orixinal dun libro ilustrado, edición e revisión de probas dun ensaio xa posto en páxina previamente, lectura e comentario de orixinais, ademais de conversas teóricas útiles para o oficio da edición literaria.
Durante o curso, as persoas voluntarias encargáronse de distintos aspectos do traballo de produción editorial. Repartíronse as diversas funcións da edición de mesa: revisión da tradución, composición tipográfica e corrección de probas, para de seguido responsabilizarse tamén da impresión do miolo e da cuberta rematando coa preparación dos pregos de papel, o manexo da guillotina, pregado e encadernación con grampado.
Ler o artigo na ligazón da bio.