Fundación Isla Couto

Fundación Isla Couto Fundación cultural privada de interese galego que ten por obxectivo promover o desenvolvemento cultural, social e económico de Galicia.

AQUEL XULLO DE 1936 (II): O GOLPE DE ESTADO EN VIGONo mediodía do 20 de xullo o centro de Vigo conmoveuse polo balbordo ...
31/07/2026

AQUEL XULLO DE 1936 (II): O GOLPE DE ESTADO EN VIGO

No mediodía do 20 de xullo o centro de Vigo conmoveuse polo balbordo provocado polas descargas de fusilaría contra o pobo efectuadas polo piquete de cincuenta soldados ao mando do Capitán Antonio Carreró que acababa de declarar o estado de guerra na Porta do Sol por orde do xeneral Felipe Castro, que enganara a Emilio Martínez Garrido, o alcalde socialista da cidade que regrasara de Madrid o fatídico día 18 de entregar nas Cortes o proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia.

Aqueles primeiras quince mortes foron o abrente da desigual batalla de Vigo no que a resistencia popular aos militares sublevados esmoreceu contra o día 24 entre os montes que rodean Lavadores

Entre o Golpe de Estado de xullo de 1936 e 1940 foron asasinadas en Galicia 3.902 persoas das case 15.000 vítimas identificadas polo proxecto Nomes e Voces, entre elas Martínez Garrido, fusilado no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936.

Nos concellos de Vigo e Lavadores, daquela aínda independentes, 333 persoas foron asasinadas, 224 paseadas e 109 fusiladas dentro do proceso sistemático de eliminación dos inimigos políticos do denominado Movemento Nacional. Entre elas, unicamente se ten identificado unha vítima galeguista, Xaquín Domínguez secretario de Organización das Mocedades Galeguistas de Vigo que, acusado de propaganda derrotista, foi fusilado no Monte do Castro cando estaba mobilizado no Exército sublevado. Con todo, moitos militantes galeguistas foron detidos e encarcerados no Frontón Vigués na rúa de María Berdiales ou no campo de concentración da Illa de San Simón por formar parte da “plaga de cucarachas separatistas, cínicos falsificadores de nuestra historia, envenenadores de conciencia juveniles, pescadores de río revuelto”, como sentenciara Jesús Suevos, xefe territorial de Falange Española en Galicia no primeiro acto público do partido fascista en Vilagarcía de Arousa o 17 de marzo de 1935 con asistencia de José Antonio Primo de Rivera.

A voz anónima de Ramiro Illa forma parte dos testemuños recolleitos no libro “La Galice sous la botte de Franco. Episodes de la terreur blanche dans les provinces de Galice, rapportés par ceux qui les ont vécus” publicado polo libreiro Jean Flory en París en 1938. Xunto cos informes do vivido en Vigo nas primeiras semanas do golpe de estado, Ramiro tamén reportou os nomes dos verdugos e asasinos que encheron as cunetas e muros de sangue para que non dese a esquecemento a barbarie padecida.

Naqueles primeiros días de machadazo brutal, Ramiro agochouse mudando a cotío de domicilio e tratando de pasar desapercibido. E Xaime, tras baleirar os restos da sede asaltada do Partido Galeguista, refuxiuse atormentado na escola da súa irmá Blanca Sara na parroquia do Casal no concello do Porriño.

Saúde e memoria democrática!

Vigo - La Antigua Ciudad Olívica Vigo En Galego Recuerdavigo

AQUEL XULLO DE 1936 (I): A DERRADEIRA XEIRA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS A FISTERRACoñecidos os máxicos resultados do...
30/07/2026

AQUEL XULLO DE 1936 (I): A DERRADEIRA XEIRA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS A FISTERRA

Coñecidos os máxicos resultados do referendo do Estatuto de Autonomía, na primeira quincena de xullo 1936 un entusiasmado Xaime Isla participou como alumno bolseiro do Seminario de Estudos Galegos na xeira de Fisterra encadrado na sección de Xeografía dirixida por D. Ramón Otero Pedrayo (Fundación Ramón Otero Pedrayo).

Os días 9, 10 e 15 de xullo El Pueblo Gallego de Vigo publicou tres das catro crónicas enviadas desde a Costa da Morte por un Xaime que se define como un “pionner” do xornalismo.

O golpe de estado do 18 de xullo sorprendeu ao equipo do Seminario en Fisterra, onde a intervención do crego do grupo, D. Xesús Carro, evitou que un grupo de falanxistas tomase medidas de forza contra eles.

Por mor do levantamento militar, unha cuarta crónica enviada a Vigo ficou sen publicar e perdida para sempre. A partir de agosto El Pueblo Gallego converterase no diario de Falanxe en Vigo.

Se queres ler estas crónicas de convivencia e aprendizaxe cos grandes homes do Seminario e de Nós, como Vicente Risco (Fundación Vicente Risco), segue a ligazón no primeiro comentario para o número 207 de Grial. Revista galega de cultura (Falamos de Libros) dedicada ao centenario do nacemento de Xaime Isla (pp. 81-87).

Saúde e Terra!

27/07/2026

Ramón Otero Pedrayo, por Xaime Isla Couto (1958) ✍

Fundación Isla Couto

25 DE XULLO DE 1969: XAIME ISLA COUTO É DETIDO NO ADRO DE SAN DOMINGOS DE BONAVAL TRALA MISA DE ROSALÍAO sábado 26 de xu...
25/07/2026

25 DE XULLO DE 1969: XAIME ISLA COUTO É DETIDO NO ADRO DE SAN DOMINGOS DE BONAVAL TRALA MISA DE ROSALÍA

O sábado 26 de xullo de 1969, La Voz de Galicia nunha breve nova salientaba que ao final da Misa de Rosalía se producira un “incidente” a raíz do cal foran detidas dúas persoas pola forza pública tras da interpretación autorizada do Himno Galego e do canto do “Venceremos nós” pola numerosa concorrencia. As dúas persoas detidas eran o avogado e catedrático vigués Xaime Isla Couto e o médico ourensán Carlos X. Guitián Rodríguez. Ambos os dous significados galeguistas e activistas político-culturais.

A Misa de Rosalía era organizada anualmente o Día de Galicia en San Domingos de Bonaval desde 1932 por iniciativa de Xosé Mosquera Pérez –“O vello dos contos”- e Manuel Beiras García, sendo asumida polo Padroado Rosalía de Castro (Casa de Rosalía) desde 1949 e celebrada en galego desde 1965.

Mais a Misa do ano 1969 quedou na memoria colectiva como aquela na que Xaime Isla foi mallado pola Policía Armada -os famosos grises- e detido tras atribuírlle os berros de “Viva Galiza Ceibe!” e “Liberdades para Galicia” que se escoitaron durante o canto multitudinario, espontáneo e estrondoso do “Venceremos nós” no adro de Bonaval.

Paradoxalmente, Xaime Isla fora o responsable da aparición en 1967 do primeiro disco de EDIGSA-Galaxia na que o cantante catalán Luis Olivares interpretaba o “Venceremos”, tradución ao galego do spiritual americano “We Shall Overcome”. O avogado e poeta Xosé Luís Franco Grande fíxose cargo dunha valente tradución, e o profesor e político Xosé Manuel Beiras responsabilizouse da adaptación musical.

Aquel gospel converteríase axiña no himno das protestas estudantís en Compostela na primavera do 1968, como acredita a crónica de La Voz de Galicia do 13 de marzo de 1968: “Y ya fuera del recinto universitario, sentados unos en las escalinatas de acceso al edificio y de pie los demás en la Plazuela de la Universidad, entonaron el “Venceremos nós”, himno antisegregacionista popularizado en inglés por Joan Baez y que traducido al gallego sirvió estos días como himno estudiantil” . Precisamente un grupo de mozas estudantes iniciaría o seu canto o Día da Patria Galega de 1969 formando un corro e collidas da man para afirmar que “nós non temos medo”.

Aquel ano en Bonaval confluíron todos os elementos da loita galeguista pola democracia fronte a un Réxime autoritario e represor simbolizado pola masiva presenza de “grises” e axentes de paisano da Brigada Político-Social. Xunto cos galeguistas axuntados arredor da Editorial Galaxia e o seu estratego maior, Ramón Piñeiro, tamén asistiron os militantes novos da Unión do Povo Galego (UPG), liderados por Bautista Álvarez, Xesús Sanxoás e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Dos tres, Bautista Álvarez e Ferrín foran detidos durante o estado de excepción de 1969 (xaneiro-marzo), e Sanxoás significarase como un dos lideres estudantís da revolta universitaria compostelá. Vellos coñecidos da Brigada Político-Social como elementos “galleguistas-separatistas-marxistas”, Bautista e Sanxoás aproveitaron o barullo para berrar os famosos “Viva Galiza Ceibe” e “Liberdades para Galicia” e provocar á Policía, sendo Xaime Isla, en troques, o que probou a dureza das porras e a expeditiva e violenta actuación dos grises dirixidos polos “secretas”.

Despois de vinte catro horas nos calabozos da Comisaría de Policía, Xaime foi axuizado e condenado en abril de 1970 polo Tribunal de Orden Público a tres meses de arresto maior, suspensión de cargo público, profesión e oficio e dereito de sufraxio (La Voz de Galicia, 21-5-1970). De nada lle valeu a Xaime a súa frustrada querela criminal contra a Policía por maltrato de obra, detención ilegal e abuso de autoridade (La Voz de Galicia, 5-8-1969).

Non obstante, uns meses despois a Sala Segunda do Tribunal Supremo, pola man e pluma do maxistrado “liberal” Ángel Escudero del Real, absolvía a Xaime nunha afouta sentenza na que afirmaba que aquel berro fora inocuo, que non incitara á rebelión separatista nin ao desorde sedicioso, e que mesmo o “Viva Galiza Ceibe” podería ter un sentido rexionalista que exaltase a variedade dentro da unidade da Patria, o que resultaba defendible no cultural e político por beneficiar a seguridade e intereses do Estado (La Voz de Galicia, 23-3-1971). Unha argumentación que agochaba un ataque directo á estratexia de represión dos subversivos e desafectos ao Réxime, como recoñecía con desolación un informe secreto da Policía ao Gobernador Civil da Coruña, autoridade que cualificaba a Xaime de “galeguista maligno”.

Esta historia ten unha parte visible, da que é posible seguir a trama nas hemerotecas da época. Agora, a recente reedición do libro do catedrático de Filosofía Marcelino Agís Villaverde titulado Xaime Isla Couto: entre o “Galiza Ceibe” e o “Venceremos nós” (SEPT-Fundación Isla Couto, 2019) revélanos datos pouco coñecidos da historia da Misa de Rosalía e toda a documentación do proceso e axuizamento, condena e absolución

Saúde e Feliz Día de Galicia!

24 DE XULLO DE 1934: RAMIRO ILLA COUTO NO PRIMEIRO MITIN DAS ARENGASÁs 11 da noite do 24 de xullo de 1934 celebrouse na ...
24/07/2026

24 DE XULLO DE 1934: RAMIRO ILLA COUTO NO PRIMEIRO MITIN DAS ARENGAS

Ás 11 da noite do 24 de xullo de 1934 celebrouse na praza da Quintana o primeiro Mitin das Arengas co gallo do Día de Galiza organizado polo Partido Galeguista con Ramiro Illa como presentador do acto.

Imaxinamos a Ramiro, coa súa retranca e humor habituais, dando paso ás intervencións de Alexandre Bóveda, Plácido Castro, Manuel Gómez Román, Sebastián González García-Paz, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Enrique Peinador, Ramón Piñeiro, Ramón Villar Ponte, Luís Suárez Delgado, Ramón Suárez Picallo, Antón Villar Ponte, Castelao e Ramón Otero Pedrayo. Pero naquela noite, unha muller tamén subiu á tribuna de oradores, Emilia Docet Ríos, militante galeguista e Miss Galicia e España en 1933.

O acto remataba cunha procesión cívica até o monumento a Rosalía de Castro no paseo da Ferradura. E na foto que conservamos daquela noite Alexandre Bóveda póusalle con agarimo a man esquerda no ombreiro a Ramiro que, cos ollos pechados, se cadra soña cunha Galiza liberada ou lembra -por telas lido ou escoitado repetidas veces- as verbas de Otero Pedrayo o 25 de xullo de 1930 no Teatro García Barbón de Vigo:

“Se levados polas azas dun xenio puideramos estar presentes ao mesmo tempo en tódalas rexións da Galiza no abrente do día de Santiago Apóstolo, ouviríamos e abrangueríamos a marabilla dunha mañá única. Tódalas torres galegas badalean hoxe dun xeito novo, igual as espadanas sinxelas das ermidas da montaña que as torres barrocas, floridas e pimpantes da beiramar, que a prodixiosa Berenguela compostelá, a máis fermosa antena do espírito que se ergue no chan da Europa"

Aquel discurso oteriano, “A significación espiritual do Día da Galiza”, inspiraría o afamado “Alba de groria” (1948) de Castelao, alimento espiritual dos exiliados galegos como Ramiro, que no 1934 unicamente soñaban e ignoraban o machadazo brutal que agromaba no horizonte.

Saúde e Terra!

PD. Queres g***r da lectura do discurso de Otero Pedrayo? Segue o enlace á Real Academia Galega no primeiro comentario.

RAMIRO ILLA COUTO E D. RAMÓN OTERO PEDRAYO (I)A amizade de Ramiro Illa e D. Ramón vén de lonxe. E neste Ano Oteriano pro...
05/07/2026

RAMIRO ILLA COUTO E D. RAMÓN OTERO PEDRAYO (I)

A amizade de Ramiro Illa e D. Ramón vén de lonxe. E neste Ano Oteriano promovido pola Fundación Ramón Otero Pedrayo recuperamos tamén a relación de Ramiro con D. Ramón.

En 1918 Ramiro regresou de Bos Aires para realizar o servizo militar como enfermeiro auxiliar en Tetuán durante a Guerra de Marrocos. Unha vez licenciado, trasladouse a Ferrol para dirixir os estaleiros de San Filipe, propiedade da Casa Banca Deza.

Durante a súa estadía en Ferrol entrou en contacto con Xaime Quintanilla e Ramón Villar Ponte, que viñan de crear a editorial Céltiga (1921) trala fundación en 1917 da Irmandade da Fala da cidade departamental. En febreiro de 1922 asistiu á IV “Asambreia Nazonalista” celebrada en Monforte de Lemos, vinculándose á Irmandade Nazonalista Galega, onde coñeceu e trabou amizade con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo e Antón Villar Ponte. Antes do seu regreso a Arxentina a finais dese mesmo ano -trala creba fraudulenta da Banca Deza- participou en todas as xuntanzas da ING. Nesta nova viaxe a Bos Aires desde A Coruña marchou representando a importantes casas comerciais galega e coa encomenda do conselleiro supremo Vicente Risco de organizar as delegacións da ING neste país e no Uruguai.

En decembro de 1931, Ramiro e a súa dona Chita Lamas Barreiro regresaron da Arxentina e Ramiro participou na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra, formando parte do seu Consello Nacional en representación da diáspora en Arxentina.

Exiliado en Portugal, Francia, México, Colombia e Venezuela, a comezos dos anos 50 Ramiro retomou o contacto co admirado irmán Otero Pedrayo. E desde 1953 colaborou co Centro Gallego e a Casa de Galicia de Caracas para conseguir que D. Ramón viaxase ao novo destino preferencial da emigración galega alén mar. Unhas xestións que culminarían con éxito en marzo de 1956 cando Otero Pedrayo inaugure a nova sede da Casa de Galicia en Caracas (Hermandad Gallega De Venezuela A.C.)

A historia destas xestións, os atrancos das autoridades franquistas en colaboración coa ditadura venezolana de Macos Pérez Jiménez e as liortas internas da comunidade exiliada galeguista en Caracas poden seguirse no número 249 da revista Grial, un monográfico sobre Otero Pedrayo, guía de Galicia, coordinado por Patricia Arias Chachero. Nas súas páxinas, o noso padroeiro Xosé Luís Pastoriza Rozas desvela a man invisible de Ramiro na multitudinaria visita de D. Ramón e na que foi a súa primeira viaxe en avión -"vaise mellor que no Castromil", como lle comentaba a Ben-Cho-Shey.

Un ano despois, Ramiro regresaba a Galicia puidendo g***r da perdurante amizade de D. Ramón.

Saúde e Terra!

[Continuará]

XAIME ISLA COUTO E  OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (IV)D. Ramón e Xaime admirábanse mutuamente. Unha admiraci...
03/07/2026

XAIME ISLA COUTO E OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (IV)

D. Ramón e Xaime admirábanse mutuamente. Unha admiración mutua que se expresará en público recoñecemento en Trasalba o 8 de xuño de 1958 cando unha senlleira comitiva lle entregue a Otero Pedrayo un exemplar de Ramón Otero Pedrayo. A súa vida, a súa obra. Homaxe da Galicia Universal que o retornado Ramiro Isla axudara a organizar e financiar desde o seu exilio en Venezuela canda á hospitalaria directiva da Casa de Galicia de Caracas, inaugurada por Otero Pedrayo en marzo de 1956.

Nesta polifónica homenaxe, Xaime caricaturizaba a D. Ramón e describía o impacto que a Guía de Galicia tivera na súa xeración porque lles descubrira unha Galicia pletórica de vida, espertoulles a conciencia dun mundo verdadeiro inzado de posibilidades e alentou o seu amor polo pobo labrego e mariñeiro. Naquel día, Otero Pedrayo e os irmáns Xaime e Ramiro lograron unha nova fotografía en común tras do posado oficial nas esqueiras de San Domingos de Bonaval na Misa de Rosalía do 25 de xullo de 1957. A partir de entón, os irmáns Isla e Otero Pedrayo coincidirían nas comúns xuntanzas da Editorial Galaxia e da Fundación Penzol que Ramiro secretariaba.

O 10 de abril de 1976 morría D. Ramón, despedido cunha masiva demostración popular de agarimo en Ourense á que asistiron Xaime e Ramiro Illa. Once anos despois, Ramiro finaba máis discretamente en Vigo o 5 de decembro de 1987.

Conmovido pola perda do seu admirado irmán, Xaime constituíu a Fundación Isla Couto canda á súa esposa Cristina Nóvoa Pedreira e os seus irmáns Manuel e Celso Isla. Os seus anceios fundacionais inspiráronse nas que foran as angueiras básicas da vida de Ramiro: o servizo a Galicia e o compromiso persoal coa recuperación da personalidade nacional e cultural galega.

A Fundación naceu coa vontade de contribuír a “repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia” seguindo o legado dos mestres da Xeración Nós, como D. Ramón, a quintaesencia de Galicia.

XAIME ISLA COUTO E  OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (III)O machadazo brutal da guerra esmagou emocionalmente a...
02/07/2026

XAIME ISLA COUTO E OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (III)

O machadazo brutal da guerra esmagou emocionalmente a Xaime e a D. Ramón, inhabilitounos para o maxisterio docente e alimentou tempos de confusión, mais sen perderen as lealdades e sen deviren “galleguistas convertidos”.

Porque o galeguismo interior viviu nos anos 40 unha idade escura onde a luz era absorbida. A represión, o medo e a vixilancia apagaron as faíscas de esperanza, malia os lumes conspiradores que alimentaron desde o clandestino e reprimido Partido Galeguista. Pero o entusiasmo e a imaxinación de alternativas non se rendía para acadar unha evanxélica realización no fracaso.

E o 25 de xullo de 1950 xuntaron en Compostela os futuros accionistas da Editorial Galaxia (Falamos de Libros). Asemblea oficiosa dun Partido Galeguista que mudaba en sociedade anónima, onde a militancia cotizaba en accións de 1.000 pesetas, Otero Pedrayo emerxía como presidente do seu Consello de Administración, e o parteiro da estrutura empresarial co seu singular modelo de gobernanza, Xaime Isla, desempeñábase como conselleiro delegado.

Desde Galaxia, D. Ramón e Xaime conspiraron para conquistar a máis pacífica e cristián revolución cultural e económica da Nosa Terra. En 1952 argallaron a publicación frustrada dunha tradución dos Evanxeos feita por Ramón Cabanillas que inaugurase a inédita colección relixiosa “Compostela”.

E cando sae do prelo o primeiro número da Revista de Economía de Galicia, dirixida por Xaime, recibiu as gabanzas de Otero Pedrayo pola súa modernidade, recoñecendo a transcendencia da economía para espertar do seu soño á nación galega: “Despois de leela co traballo de Vde, contempraizón de outro xeito para min os piñeiros de Trasalba. Son os datos e as series económicas os novos “Queixumes” (24-IX-1958).

[Continuará]

XAIME ISLA COUTO E  OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (II)Uns meses despois chegou a oportunidade do encontro pe...
01/07/2026

XAIME ISLA COUTO E OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (II)

Uns meses despois chegou a oportunidade do encontro persoal. O 25 de xullo de 1930 o Grupo Autonomista Galego celebraba o Día de Galicia cun mitin no Teatro García Barbón de Vigo no que participaron Castelao, Otero Pedrayo e Paz-Andrade. Como testemuño fican as fotografías colectivas onde Otero Pedrayo posa con Xaime e o seu pai Fidel na distancia.

Pero tamén conservamos a dedicatoria que D. Ramón gravou para a posteridade nun exemplar da súa novela Arredor de si: “Pra Xaime Isla Couto, o máis rapaz dos nazonalistas, o pequeno home sempre bo galego. R. Otero Pedrayo, Vigo, 25-VII-1930”.

D. Ramón coincidira sen sabelo con Blanco Amor na súa apreciación do exótico e rexo nacionalismo xuvenil de Xaime. O reporteiro ourensán do prestixioso xornal La Nación de Buenos Aires cualificárao como “o nacionalista máis noviño de Galicia” nun exemplar dedicado da súa conferencia La nueva emoción gallega, testemuño da súa viaxe a Galicia a comezos de 1928.

Mais de onde xurdira esa devoción pola Santa Causa de Galicia que levaba a Xaime a profesar precozmente e con orgullo a fe do nacionalismo galego? Desde 1927 o seu irmán Ramiro, líder do nacionalismo na diáspora alén mar, asumiu o labor de seducir politicamente ao Xaimiño con ducias de cartas escritas en galego inzadas de amor por Galicia, recomendacións de lecturas, e admiración polos Grandes Homes do galeguismo, como Otero Pedrayo.

Podes ler de balde este epistolario neste enlace:https://fundacionislacouto.org/wp-content/uploads/2023/04/2022-Ramiro-Isla-A-semente-ca%C3%ADa-en-terra-propicia.-Cartas-ao-meu-benquerido-irm%C3%A1n-Xaime_Web.pdf

Regresado á Terra en decembro de 1931 para asistir á asemblea fundacional do Partido Galeguista en Pontevedra, Ramiro presentou na comunidade de irmáns galeguistas ao seu benquerido Xaime. Activo xefe de liña dos Ultreyas, líder das Mocedades Galeguistas e militante do Partido Galeguista, para o tamén católico Xaime, Otero Pedrayo converteuse nun exemplo de vida, especialmente cando se mantivo leal aos irmáns na rachadura pola dereita que fendeu ao Partido Galeguista en 1935. Pero tamén compartiron intensos días de descubrimento de Galicia durante a xeira do Seminario de Estudos Galegos no Deza e na derradeira xeira en Fisterra, na alborada da Guerra Civil.

[Continuará]

XAIME ISLA COUTO E OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (I)Malia a diferenza xeracional, Xaime compartía con Otero ...
30/06/2026

XAIME ISLA COUTO E OTERO PEDRAYO, A QUINTAESENCIA DE GALICIA (I)

Malia a diferenza xeracional, Xaime compartía con Otero Pedrayo unha mesma alegría, a dos amigos, tecida de encontros e dunha fidelidade que cumpría co mandato da irmandade.

Porque unicamente desde a irmandade, kerigma da relixión galeguista, a bondade e a xenerosidade podemos comprender os legados que D. Ramón e Xaime instituíron para o futuro dunha Galicia nova e que deron lugar á Fundación Ramón Otero Pedrayo e á Fundación Isla Couto. Unha mesma vontade fundacional que se labrou ao longo dunha historia de complicidades e mutua admiración.

En abril de 1930, El Pueblo Gallego enviou a describir a vida no noviño Instituto de Vigo ao pioneiro reporteiro Johán Carballeira. Acompañado do debuxante Apolinar Torres, tras superar a proba física do ascenso case vertical até o edificio situado na aba do Castro, foron recibidos pola expectación da rapazada e polo director Jerónimo Toledano, xenro de Valle Inclán.

Naquel pequeno cosmos de douscentos alumnos oficiais, rebulían os fillos e fillas da emerxente clase media viguesa, un feixe de catedráticos mozos formados nos principios da Institución Libre de Ensinanza, pero tamén docentes escuros como o crego e futuro verdugo Emilio Álvarez Martínez, o Reisiño. Mais aquel sábado lectivo, Carballeira coñeceu na clase de Filosofía a Xaime Isla, “pensativo e inteligente” estudante de catorce anos, lector “acendrado del gallego y devoto de Otero Pedrayo”.

E a “inteligente curiosidad” de Xaime espertou o seu ollo de lince analítico: “Él no sabe de memoria las cosas. Todas las ideas provocan lucha dentro de él y así lo que va diciendo está teñido con su personalidad”. Pero a súa intuición visionaria foi alén profetizando: “Jaime Isla Couto: tú serás un verdadero hombre”. E acertou. Porque na precocidade intelectual tamén alentaba unha común sensibilidade republicana e galeguista.

Oito días despois da publicación da reportaxe, a VI Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala celebrada na Coruña o 27 de abril recibía un telegrama de adhesión asinado por Xaime Isla en nome da Asociación Escolar de Iniciación Cultural. Aquel feixiño de mociños e mociñas, organizados polo máis novo do clan de nove irmáns Isla Couto, tamén enviou o 10 de xuño unha carta de adhesión a Otero Pedrayo, catedrático do Instituto de Ourense, co gallo da homenaxe celebrada na súa honra en Ourense un par de días antes.

A lectura desta carta -primeira comunicación rexistrada entre Otero Pedrayo e Xaime- xa anticipa unha dupla característica da súa personalidade: organización e proxectismo. A Asociación Escolar ía desenvolver un fabuloso proxecto de animación cultural e político segundo o deseño anticipado ao admirado Mestre ourensán, pero ficou sen materializarse até que os estudantes comezasen en 1932 a súa militancia nos Ultreyas e despois nas Mocedades Galeguistas.

[Continuará]

Dirección

Vázquez Varela 54, 3ª
Vigo
36204

Horario de Apertura

Lunes 10:00 - 14:00
Martes 10:00 - 14:00
Miércoles 10:00 - 14:00
Jueves 10:00 - 14:00
Viernes 10:00 - 14:00

Notificaciones

Sé el primero en enterarse y déjanos enviarle un correo electrónico cuando Fundación Isla Couto publique noticias y promociones. Su dirección de correo electrónico no se utilizará para ningún otro fin, y puede darse de baja en cualquier momento.

Atajos

Compartir