21/07/2026
•
ALFOMBRA DO APÓSTOLO 2026
DIA DE GALICIA
Na que participarán Alfombristas da Estrada
*
ALFOMBRA DO APÓSTOLO 2026
DÍA DE GALICIA
A Praza da Inmaculada acollerá o vindeiro 25 de xullo, Día de Galicia, a tradicional Alfombra do Apóstolo, unha monumental composición de 10 x 7 metros, deseñada e dirixida polo artista burelán Martín Lestao, que será realizada coa participación de arredor de 70 alfombristas procedentes das localidades de Ames, A Estrada, Bueu, Burela, O Castro de Caldelas, Cerponzóns e Ponteareas.
A iniciativa está impulsada, promovida e confeccionada pola Federación de Alfombristas de Galicia co apoio da Axencia Turismo de Galicia, consolidándose como un dos actos máis singulares da celebración do Día de Galicia en Santiago de Compostela e como unha magnífica mostra da excelencia da arte efémera galega.
A obra propón unha lectura contemporánea e simbólica do fenómeno xacobeo. Lonxe de presentar o Camiño de Santiago como un itinerario único, o deseño reivindica a súa verdadeira esencia: unha rede de camiños, paisaxes, culturas e persoas que converxen nun mesmo destino e nunha mesma experiencia de viaxe, encontro e transformación.
No centro da composición érguese a Catedral de Santiago como punto de chegada e elemento unificador, mentres desde os catro puntos cardinais conflúen diferentes rutas históricas representadas a través da súa sinalización: o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, a Vía da Prata e o Camiño do Mar. Estes itinerarios discorren por escenarios diversos —montañas, vales, rías, océano e espazos rurais—, lembrando que cada peregrino vive unha experiencia única, marcada pola paisaxe e polas comunidades que o acollen.
A presenza das compostelás Maruxa e Coralia no primeiro plano reforza esta idea. Non representan persoas concretas, senón a universalidade da peregrinación: persoas de distintas procedencias, xeracións e culturas que atopan no Camiño un espazo compartido de convivencia, hospitalidade e crecemento persoal. O Camiño convértese así nun lugar onde as diferenzas deixan de separar para enriqueceren unha experiencia común.
Grandes frechas vermellas que estruturan visualmente a alfombra simbolizan a forza de atracción de Santiago de Compostela, auténtico corazón dunha rede que conecta territorios moi diversos de Europa e do mundo. Ao seu redor, as vieiras, os peregrinos, as referencias ao mar e aos camiños terrestres constrúen unha linguaxe visual facilmente recoñecible que dialoga coa iconografía tradicional xacobea desde unha estética contemporánea.
A alfombra será elaborada empregando materiais naturais, seguindo a tradición da arte efémera galega, grazas ao traballo coordinado das asociacións participantes. A colaboración entre alfombristas de distintos puntos de Galicia converte tamén esta creación nun exemplo de cooperación e transmisión dun patrimonio cultural vivo, baseado no traballo colectivo e na participación cidadá.
Os traballos de confección darán comezo o venres 24 de xullo ás 16.00 horas e prolongaranse ata ben entrada a madrugada do día 25. Durante preto de dez horas, veciños, visitantes e peregrinos poderán achegarse á Praza da Inmaculada para contemplar en directo o proceso creativo, descubrindo as diferentes técnicas de elaboración, a colocación dos materiais naturais e o labor artesanal dos alfombristas, nun espectáculo tan fascinante como a propia obra rematada.
Unha vez finalizada, a Alfombra do Apóstolo permanecerá exposta durante toda a xornada do sábado 25 de xullo, permitindo que milleiros de persoas poidan admirar esta creación efémera nun dos espazos máis emblemáticos de Santiago de Compostela, aos pés da Catedral.
Con esta obra, a Alfombra do Apóstolo 2026 pretende transmitir unha mensaxe clara: Santiago non é simplemente o final dun camiño, senón o lugar onde converxen milleiros de historias, paisaxes e persoas. A riqueza do fenómeno xacobeo reside precisamente na diversidade das súas rutas e das experiencias que fan posible que todos os camiños acaben converténdose nun só: o da convivencia, o encontro entre culturas e a transformación persoal.