26/08/2026
Tes unha Hipoteca ou cancelachela nos ultimos 5 anos? Isto interésache 👇
ONCE BANCOS DEBERÁN INFORMAR AOS SEUS CLIENTES DA DEMANDA DE ACOUGA CONTRA AS COMISIÓNS DE APERTURA DAS HIPOTECAS
A Audiencia de A Coruña desestimou o recurso de seis das entidades contra esa resolución
A acción colectiva solicitará a nulidade desas cláusulas e a devolución aos consumidores do importe pagado por ese concepto
Pode sumarse ao procedemento xudicial calquera persoa con domicilio en Galicia afectada pola contratación dun préstamo hipotecario
A CORUÑA, 8 de xullo de 2026. Os consumidores e consumidoras galegas que contrataron no seu día un préstamo hipotecario deberán ser informados polas propias entidades financeiras de que teñen dereito á sumarse ao procedemento colectivo iniciado en 2023 contra elas pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) para reclamar a devolución das comisións de apertura desas hipotecas.
Así vén de determinalo a Audiencia Provincial de A Coruña, que desestima o recurso presentado por seis das 11 caixas e bancos demandados contra a obriga de informar aos seus clientes sobre a existencia da citada acción colectiva.
En opinión de ACOUGA, aínda que o recurso de apelación das entidades bancarias foi desestimado, en realidade debería ter sido inadmitido, xa que a lei impide recorrer unha resolución que acorda a práctica dunhas dilixencias preliminares.
Unha vez desestimados os recursos das entidades bancarias, Abanca, BBVA, Caixa Rural Galega, Cajamar Caja Rural, Unicaja Banco, Bankinter, e tamén Kutxabank terán que comunicarlle directamente a todos os seus clientes consumidores con domicilio en Galicia a existencia do proceso colectivo iniciado por ACOUGA, como xa comezaron a facer coa resolución de instancia Banco Santander, Banco Sabadell, Caixabank e Ibercaja Banco.
Preto de 300.000 afectados
O secretario xeral de ACOUGA, Xoán Antón Pérez-Lema, avogado director da demanda, calcula que nos últimos 20 anos ao redor de 300.000 de consumidores galegos puideron verse prexudicados por unhas comisións que supoñían, para unha hipoteca media de 150.000 euros, o pagamento de entre 750 e 1.300 euros.
O presidente da entidade, Manuel Pérez Arias, anima aos consumidores afectados a sumarse á acción colectiva e poñerse en contacto coa asociación a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 981 113 402, para seren informados dos seus dereitos e do procedemento de adhesión á demanda.