Para poñer freo á precariedade do ensino na parroquia, os emigrados de Caamouco que se atopaban na Habana fundan en 1911 a Agrupación Instructiva de Redes y Caamouco. O 23 de outubro daquel ano asínase a acta fundacional da Sociedade, na que se crea unha estrutura dobremente organizada, cunha delegación na Habana e outra en Caamouco. O proxecto inicial culminará no ano 1915 coa construción e apertura do edificio escolar no lugar da Tenencia, adicado hoxe en día a actividades culturais. Nesta etapa fundacional cómpre destacar varios persoeiros importantes. José Cerdido, presidente e secretario da Xunta Directiva residente na Habana. A delegación en Caamouco estaba formada por D. Nicolás Noche, presidente, D. Cesáreo Seijas, secretario, D. Juan Pérez Pico, vicesecretario, D. Nicolás Casas, tesoureiro, D. Valeriano Rojo, vicetesoureiro e D. Francisco González, D. Enrique Prieto, D. Francisco Anca e D. Fernando Anca, como vogais. O Regulamento Fundacional de 1911 da Agrupación marcaba as liñas nas que se debína basear as ensinanzas impartidas no seo da Tenencia. A pesar de non declararse unha sociedade laica, na práctica as experiencias dos emigrantes e o seu xeito de entender o ensino, facían que o modelo educativo da Sociedade fose ideoloxicamente moito máis avanzado e plural que o que se impartía na Escola Nacional.