21/10/2026
𝐁𝐨𝐮𝐝-𝐒𝐩𝐨𝐫𝐭 𝐞 𝐂𝐨𝐬𝐭𝐚𝐝𝐨 𝐓𝐊𝐃 𝐁𝐨𝐢𝐫𝐨 𝐛𝐫𝐢𝐥𝐥𝐚𝐧 𝐧𝐨 𝐎𝐩𝐞𝐧 𝐝𝐞 𝐌𝐚𝐥𝐥𝐨𝐫𝐜𝐚 𝐜𝐨𝐧 𝐧𝐨𝐯𝐞 𝐦𝐞𝐝𝐚𝐥𝐥𝐚𝐬!
Esta fin de semana, os clubs galegos Boud-Sport e Costado TKD Boiro representaron a Galicia na quinta edición do Open Internacional de Mallorca, unha cita que reuniu máis de 600 taekwondistas de seis países no Velódromo Illes Balears. A participación galega saldouse con excelentes resultados, medallas e boas clasificacións, tanto a nivel individual como por equipos.
O Costado TKD Boiro completou unha gran actuación, con tres medallas de ouro e dúas de bronce, ademais de dous quintos postos. Subiron ao máis alto do podio Desi Rivadulla, Pablo Fernández e Víctor Costado, mentres que Yaiza Rivadulla e Diego Lijó conseguiron o bronce. Rodrigo Caamaño e Antón Miranda remataron na quinta posición. Ricardo Otero, Bruno Barreiro e Manuel Lorenzo finalizaron novenos.
Pola súa banda, o Boud-Sport tamén regresou de Mallorca con grandes resultados. Alba Figueira Marzoa proclamouse campioa na categoría cadete -47 kg, mentres que Paula Vieites Tacón (-41 kg) e Alejandra Tasende Uzal (-44 kg) acadaron a medalla de prata, tamén en cadete. Alba Rey Franqueira sumou un bronce na categoría sénior -73 kg.
Ademais, Carolina Tasende Uzal (-33 kg) e Sheila del Río López (-47 kg) lograron a quinta posición. O bo traballo do equipo completouse co segundo posto na clasificación xeral por equipos na categoría cadete feminina.
O Open de Mallorca contou tamén coa presenza do colectivo arbitral galego, representado por Jesús López, Estela Comesaña, María Bautista, Antía García e Sergio Cobas, que formaron parte do equipo encargado de arbitrar a competición.
Noraboa a todas e todos!