09/10/2026
🍂🦇 O outono é tempo de apareamento para os morcegos!
Durante estas semanas, moitas especies de morcegos están inmersas nun período de intensa actividade, no que se producen desprazamentos entre refuxios, movementos migratorios e encontros relacionados coa reprodución.
Un dos comportamentos máis interesantes desta época é o chamado 𝘴𝘸𝘢𝘳𝘮𝘪𝘯𝘨, que consiste na concentración de morcegos arredor de determinados sitios (xeralmente refuxios subterráneos), onde realizan voos de persecución e interaccións sociais relacionadas co apareamento.
🔎 No marco do proxecto «Avanzando na conservación dos morcegos na Coruña», vimos de detectar actividade de 𝘴𝘸𝘢𝘳𝘮𝘪𝘯𝘨 do morcego de Bechstein (𝘔𝘺𝘰𝘵𝘪𝘴 𝘣𝘦𝘤𝘩𝘴𝘵𝘦𝘪𝘯𝘪𝘪), no entorno de Santiago de Compostela.
Este achado é especialmente interesante, xa que se trata dunha especie ameazada da que aínda temos pouca información para Galicia.
🌳 Coñecer e conservar estes puntos de encontro é esencial para protexer as poboacións de morcegos, especialmente no caso das especies máis escasas e ameazadas.
Este traballo forma parte do proxecto «Avanzando na conservación dos morcegos na Coruña», que conta co apoio económico da Deputación da Coruña.