24/10/2026
Dende BAMAD Galicia queremos celebrar o Día das Bibliotecas con espírito crítico e afán de reivindicación nunha época na que as condicións laborais do sector se ven, cada vez, máis ameazadas.
Á persistente escaseza de medios técnicos, económicos e humanos, aos contratos precarios e as prazas insuficientes, súmanselles cada vez de xeito máis habitual accións dos poderes públicos que sortean e incluso incumpren a lexislación en materia de bibliotecas, sobre todo en relación ao seu persoal.
Sen administracións que aposten decididamente por un servizo básico para a cidadanía, nunca se vai pór en valor a necesidade de contar con persoal cualificado que poida desenvolver as súas tarefas e prestar ese servizo de xeito digno.
Sen profesionais non hai servizos públicos de calidade. Sen profesionais non hai bibliotecas