Somos independentes de calquera partido político ou sindicato así como de calquera crenza ou relixión. A asociación rexerase segundo os seguintes principios:
a) O respecto pola dignidade, igualdade e liberdade das persoas baseado na acción solidaria entre veciños e veciñas. b) A busca do beneficio colectivo e social por diante de calquera interese individual ou privado. c) A integración das distintas sensibilidades sen discriminación de s**o, raza ou cultura. d) A defensa permanente da xusticia social e do ben común ante decisións autoritarias e caciquís das autoridades políticas e sociais. e) O respecto e a potenciación do noso medio natural, fomentando o desenvolvemento sostible da nosa economía para frear o progresivo abandono que sofre o noso concello. Artigo 5º.- 1.- Son fins principais da asociación:
a) Impulsar a cohesión social e o desenvolvemento de todas as parroquias do Saviñao. b) Asesorar e defender os dereitos cívicos e servir de vehículo das opinións dos habitantes do concello. c) Propiciar estudos e alternativas que potencien os intereses socio-económicos, culturais e estruturais do Saviñao. d) Facer seguimento continuado da acción de goberno municipal para garantir unha eficaz xestión dos recursos públicos e do seu uso no ben común xeral. e) Estudar, divulgar e defender o patrimonio histórico-artístico; fomentar a cultura en termos xerais e apoiar todas as iniciativas a este respecto que xurdan no ámbito veciñal. f) Protexer, vixiar e mellorar o noso contorno natural e responder aos problemas ambientais do concello ou da comarca co desenvolvemento de iniciativas. g) Promover actividades encamiñadas á formación e cualificación profesional dos habitantes do concello no ámbito produtivo. h) Facilitar a participación xuvenil na vida socio-cultural. i) Fomentar a integración social e a mellora do nivel de vida dos nosos maiores, para conseguir que poidan desenvolver a súa existencia completa no seu propio concello. j) Esixir o cumprimento rigoroso da normativa vixente en materia de urbanismo, intentando impedir o feísmo e o deterioro da nosa paisaxe. k) Solicitar a participación na organización dos servizos básicos do concello (consello escolar municipal, consello de sanidade…), así como en plenos e comisións de goberno segundo estableza a lexislación. l) Esixir o cumprimento da lexislación en canto a información sobre comisións de goberno, plenos… e a utización dos medios públicos municipais, como auditorio, biblioteca e casa da cultura. Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo