30/09/2026
A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia reclama actuacións urxentes no mantemento da correcta sinalización horizontal das prazas de aparcamento reservadas para mobilidade reducida (PMR) no entorno do CIS (centro integral de saúde).
Dende a Plataforma lamentamos a falta de mantemento neste tipo de sinalización, que debe cumprir estrictamente o recollido na Orde TMA/851/2021, que desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade en espazos públicos.
O espazo completo da praza debe ir pintado cun fondo azul uniforme (preferiblemente azul Pantone 294) para que sexa perfectamente identificable de lonxe. A falta de mantemento no coidado do estado das prazas provoca que moitas delas xa non sexan visibles nin recoñecidas polos usuarios das mesmas e polo resto de condutores que deben respectar o uso das mesmas por parte dos pacientes que a diario fan uso do CIS.
Un destes casos significativo é a praza existente na intersección entre a rúa Bidueiro e a rúa do Sabugo, na contorna do CIS.
Dende a Plataforma veciñal tamén evidenciamos unha ausencia total de repintado dos pasos de peóns, o que constitúe un risco para a veciñanza que a diario camiña e circula polo barrio.
A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia considera que o arranxo e mantemento da sinalización horizontal do barrio permitiría mellorar significativamente a calidade do espazo público, favorecendo unha mobilidade máis segura e cómoda, para a propia veciñanza e os usuarios do CIS.