28/06/2026
Un día coma hoxe, 28 de xuño de 1936, o pobo galego votou masivamente a favor do seu Estatuto de Autonomía. Case un millón de persoas dixeron SI a Galiza. Poucos meses despois, o fascismo roubounos ese dereito.
Case un millón de persoas saíron a votar e dixeron SI. Non era un capricho de catro. Era a voz dun pobo que quería decidir sobre si mesmo.
O 15 de xullo de 1936, Castelao e Gómez Román entregaron o texto aprobado ao presidente das Cortes para iniciar os trámites. Tres días despois, o golpe militar franquista enterrou ese mandato democrático durante décadas.
Galiza foi o único dos tres pobos que plebiscitaron estatuto durante a República que quedou desde o principio en mans dos sublevados. Pagámolo caro. Con sangue, con exilio, con silencio forzado.
Hoxe, 90 anos despois, seguimos reivindicando o que aquel pobo votou. Porque a memoria non é nostalxia. O que nos roubaron non caduca. Galiza segue en pé.