28/05/2025
CRÓNICA. Domingo 25. O VIÑO, EMBAIXADOR DO TERRITORIO.
Rebeca Vázquez, directora do CPR Belarmino F. Iglesias, guiou o espazo de diálogo sobre o papel fundamental do viño como expresión viva da paisaxe, a identidade, a cultura e a forma de vida desta terra.
As adegas participantes (Alouviño, Lareu-Sabatelius e Alma das Donas) compartiron os seus proxectos desde unha mirada íntima e comprometida co territorio. Cada intervención reflectiu a estreita relación entre a viticultura heroica da Ribeira e a contorna natural e humana que a fai posible.
Ana B. López, técnica do Consello Regulador da D.O., ofreceu unha panorámica do camiño percorrido pola Denominación, subliñando os logros alcanzados e os retos que aínda quedan por afrontar para asegurar a súa continuidade e proxección de futuro.
Entre os principais desafíos, destacouse a urxencia de incentivar o relevo xeracional no rural, animando á mocidade a implicarse no sector vitivinícola. Para iso, insistiuse na importancia de que as administracións públicas impulsen novas iniciativas emprendedoras e garantan a igualdade de oportunidades no rural fronte ao ámbito urbano, facilitando o acceso a internet, tecnoloxías, vivenda e infraestruturas.
Reclamouse unha maior implicación institucional que axilice os trámites burocráticos e todos os participantes coincidiron na profesionalización do sector e na importancia da formación.
Outro eixo: o papel do turismo como oportunidade de desenvolvemento, non só en termos comerciais, senón como vía para convertir aos visitantes en verdadeiros embaixadores do territorio, a nosa cultura e a nosa paisaxe.
Defendeuse un modelo de turismo de calidade, que respecte e valore a contorna, fronte a propostas masificadas.
Resaltouse a necesidade de fomentar a colaboración entre todos os axentes implicados no territorio e de avanzar cara a un modelo de viticultura sostible, que asegure a preservación da paisaxe e a cultura para as xeracións futuras.
No remate, a degustación dos viños das adegas presentes e un petisco de produtos de Taboada.
lopezpardo
xianas