20/10/2026
NOVOS RECURSOS EDUCATIVOS PARA TRABALLAR A CORRESPONSABILIDADE DESDE A INFANCIA
A igualdade tamén se aprende na casa e na escola. Por iso, dentro do proxecto “Responsabilidade Compartida”, elaboramos unha serie de recursos educativos dirixidos a centros educativos, ANPAS e familias para traballar de forma práctica a corresponsabilidade, os coidados, a igualdade de xénero e as masculinidades igualitarias.
Os materiais inclúen actividades sinxelas e participativas como:
👉 “Quen fai que na casa?”, para analizar como se reparten as tarefas domésticas e de coidado.
👉 “A mochila invisible”, para comprender que organizar, lembrar e anticipar necesidades tamén forma parte dos coidados.
👉 “As profesións e os coidados non teñen xénero”, para cuestionar estereotipos desde idades temperás.
👉 “O reloxo da corresponsabilidade”, para reflexionar sobre os usos do tempo, o descanso e o reparto das responsabilidades.
👉 “Homes que coidan”, para visibilizar referentes masculinos implicados nos coidados e promover novos modelos de masculinidade.
O obxectivo é que nenos e nenas comprendan desde pequenos que coidar, organizar, limpar, acompañar ou responsabilizarse non son tarefas de mulleres ou de homes, senón habilidades e responsabilidades que todas as persoas poden e deben asumir.
Tamén propoñemos ás familias un reto de corresponsabilidade, revisando durante unha semana quen realiza as tarefas, quen organiza o día a día e que pequenos cambios se poden introducir para conseguir un reparto máis equilibrado.
💬 Porque as crianzas aprenden observando. Se medran vendo homes e mulleres que comparten tarefas, tempo e coidados, estarán aprendendo igualdade na práctica.
Coidar tamén é cousa de homes.
Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para actuacións do Plan Corresponsables SI436B. Ano 2026
Cofinanciado polo Plan Corresponsables, Ministerio de Igualdad, gobierno de España e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia