20/04/2018
A Candidatura Unitaria Estudantil preséntase ás eleccións do
vindeiro 23 de abril para continuar a loita por un ensino feminista
e democrático.
As estudantes da Universidade de Santiago de Compostela levamos xa anos sufrindo as consecuencias dun modelo educativo pensado en torno aos intereses de grandes empresas e bancos. Os recortes e as políticas reaccionarias levadas a cabo polo gobernó central e o da Xunta de Galicia teñen como consecuencia unha permanente situación de precariedade que nos impide desfrutar do noso dereito a un ensino público e de calidade. Así mesmo, a ausencia case total de mecanismos para o combate do patriarcado na Universidade trae consigo a invisibilización da muller nas aulas así como innumerables situacións de violencia machista tanto nas facultades como nos Campus.
Ante desta situación, entendemos que non cabe pór diante os intereses dunha ou doutra organización estudantil á hora de conformar ferramentas que nos permitisen resistir a estes ataques e lograr a conquista das nosas reivindicacións. Queremos continuar levando ás institucións universitarias o espírito de unidade e pluralidade que desenvolvemos día a día en cada Folga, en cada manifestación ou en cada pequena loita nas facultades. É por iso que acordamos a presentación da Candidatura Unitaria Estudantil, incorporando á mesma novas perspectivas e compañeiras, coa intención de seguir sendo unha fiel transmisora da vontade emanada das asembleas da facultade e de todas as estudantes con vontade de transformar a USC nunha universidade digna.
Xunto coas candidaturas irmás Ciencias da Educación, Bioloxía e Física, estamos en condicións de dar un golpe enriba da mesa que nos permita seguir revertindo os efectos das políticas ao servizo do Réxime, do patriarcado e do modelo económico que os sustenta.
A CUE, o voto que lle doe a quen aspira a rematar coa Universidade.
Por un ensino feminista e democrático!