UN POUCO DE HISTORIA
A Sociedad de Instrucción y Recreo "La Devesana" foi creada o último día do ano 1907 na cidade da Habana (Cuba) por uns devesanos emigrados á illa caribeña. A súa primeira directiva foi elixida o 19 de xaneiro de 1908 (cadrou en domingo e seguro que os nosos parroquianos aproveitaron a reunión para celebrar o día do Patrón!). O obxectivo primeiro era reunir o capital necesari
o, coas achegas dos socios que foron sumando, para fundar unha escola na súa parroquia natal, á que poderían asistir os nenos e nenas de Devesos, pero tamén das veciñas Freires e Nieves. Aquela escola inaugurouse o 24 de marzo de 1912 nun acto multitudinario e festivo durante o que se pronunciaron discursos moi interesantes e apaixonados. Os fundadores e as directivas seguintes sempre apostaron por unha escola laica, na que non tiña cabida a relixión católica que, naquela época, controlaba e estaba moi presente nas escolas públicas do país. Esta circunstancia supúxolles moitos enfrontamentos coas autoridades eclesiásticas e, definitivamente ,no ano 1924 unha denuncia do cura párroco, acusando á Sociedade de ter realizado desfeitas no adro da igrexa durante a celebración dun baile de Entroido, propiciou o peche definitivo da escola. Desde esa data ata a chegada da II República en 1931 o edificio permaneceu pechado a cal e canto. Durante o período republicano volveu a recuperar a súa función educativa e social, ata o remate da guerra civil que definitivamente esnaquizou para sempre aquel xeneroso e avanzado proxecto educativo que nacera alén mar. Nas súas dependencias instalaríanse, primeiro un destacamento militar e logo un grupo da Garda Civil. Ese ano, mediante escritura pública, os poucos e avellentados socios habaneiros da SIR, entregaron toda propiedade ao concello de Ortigueira. O único que pedían era que se respectase o nome que figura na súa fachada e se fose posible que se dedicase á escola como fora a súa idea primixenia. No ano 1973 formouse a Cooperativa Agraria que establecería o seu local social no edificio indiano. E por último, no ano 1992, un grupo de mozos devesanos presididos por Miguel Ángel Giz decidiron resucitar as actividades sociais, culturais e de recreo, obxectivos que xa alentaran os pais fundadores da centenaria Sociedade. Para iso, elaboraron e aprobaron uns novos Estatutos para a nova Asociación Cultural que é a que hoxe segue funcionando, mantendo viva a lembranza daqueles benfeitores parroquianos que apostaron pola educación e a cultura para poñer algo de luz na vida daqueles conterráneos que quedaban na aldea. O seu carimbo, que aínda hoxe conservamos, representa un sol espléndido que xurde de detrás da serra da Faladoira e segue a ser unha fermosa imaxe do triunfo da educación e a cultura sobre a escuridade e abandono no que estaban naqueles tempos a nosa e outras tantas aldeas. ORGANIZACIÓN
A nova Directiva, desde o 28 de maio de 2022 está formada por:
Ø Presidente: Emilio Castro Fustes
Ø Vicepresidente:
Ø Secretario: Salvador Hermida Bouza
Ø Tesoureira: Aurora Rego
Ø Vocales:
Montserrat Paz Loureiro
o Gonzalo Rego
o Juan Jesus Permuy Saavedra