23/07/2026
Hoxe é un dia triste para A Castronela.
Despedimos a Carmen, unha muller que foi moito máis ca unha persoa importante para a nosa asociación. Foi apoio, exemplo, referente e, sobre todo, unha desas persoas que deixan pegada para sempre.
Carmen estivo con nós dende o primeiro momento. Daba igual o que lle propuxésemos: a súa resposta sempre era un si. Un si xeneroso, desinteresado e cheo de ilusión. Un si que nos acompañou especialmente nos comezos, cando cada apoio, cada man tendida e cada palabra de ánimo eran tan importantes.
Moito antes de que palabras como resiliencia ou empatía formasen parte do noso vocabulario habitual, Carmen xa nos ensinaba o seu verdadeiro significado coa súa maneira de vivir e de tratar aos demáis .
Mestra de profesión e mestra tamén da vida, transmitiunos infinidade de valores, pero, por riba de todos, dous que a definían especialmente: o amor e a bondade.
Sempre de bo humor, sempre cun carácter afable, sempre disposta a colaborar, a axudar, a compartir e a facer comunidade. Porque Carmen tiña ese don: facer que as persoas se sentisen ben ao seu carón e conseguir que todo fose un pouco máis fácil.
Para A Castronela foi unha persoa fundamental. Pero, por riba de calquera colaboración ou de todo o que fixo pola nosa asociación, quedamos coa persoa excepcional que tivemos a sorte de coñecer e querer.
Hoxe queremos dicirche grazas, Carmen.
Descansa en paz.
Sempre nos nos corazóns🤍