Amatega é a Federación de Teatro Amador Galega, representante da Confederación de Teatro Amateur Español ESCENAMATEUR en Galicia.
Somos unha Federación formada por diversos membros do Teatro Amador Galego, dende Grupos Teatrais, Asociacións Culturais e outras entidades relacionadas co teatro amador en Galiza, que nos unimos para constituir a Federación de Teatro Amador Galego Amatega. O Teatro Amador e unha das manifestacións máis estendidas e arraigadas no panorama social e cultural de todos e cada un das nosas vilas e cidades.
É difícil non atopar unha vila ou cidade, por pequena ou grande que sexa, na que non estea presente un grupo de teatro, aportando un traballo desinteresado e mantendo a testemuña cultural máis antiga de toda a historia da humanidade. O valor non xa cultural, innato ao teatro, senón educativo e formativo, especialmente na infancia e na mocidade, como elemento de sociabilidade, aprendizaxe e entendemento entre os pobos e culturas, é un dos elementos que o teatro en si encerra e polo que é precisa a súa protección e difusión. A maneira de sentir e de vivir as manifestacións escénicas, a súa difusión e recuperación entre as mesmas e a aprendizaxe de diferentes técnicas e simboloxías, lévanos a crear un lugar que sirva de punto de encontro, de achegamento e compresión entre as mesmas, esperando un frutífero intercambio de experiencias e ideas. Dada a necesidade de organizar todo este riquísimo caudal cultural, coa intención de potenciar o grao de incidencia social e articular e coordinar as diferentes entidades teatrais, coñecer os sistemas de organización, intercambiar experiencias e acceder dunha forma organizada ás diferentes informacións relativas ao mundo do teatro e defender os intereses dos grupos de teatro amador é polo que é absolutamente necesaria a creación da FEDERACIÓN DE TEATRO AMADOR GALEGO “AMATEGA”
A EXISTENCIA DESTA FEDERACIÓN TEN OS SEGUINTES FINS:
- O fomento, desenvolvemento, difusión, defensa e evolución do teatro amador.
- Relacionar os membros do teatro amador no sentido máis amplo.
- Promover o intercambio de experiencias.
- O debate colectivo e a defensa en nome dos membros de teatro amador.
- Defender os intereses dos grupos ante as institucións e colectivos culturais.
- Estender o teatro como un fin en si mesmo achegándoo ao cidadán e aspirando a que os mozos atopen nel un vehículo de formación, educación e información.
- Ostentar a representación do teatro amador ante os organismos públicos e privados nacionais, da Unión Europea ou internacionais.
- Preservar os valores do teatro clásico e difundir as novas tendencias escénicas.
- Dignificar o teatro amador en todo o territorio estatal promovendo por parte das institucións a dotación de medios, infraestruturas e a difusión dos seus espectáculos.
- E os intereses que lle son propios.