04/09/2026
COMUNICADO PÚBLICO DA ASOCIACIÓN CULTURAL INSUA DE VIASTELA
Ante os rumores infundados que nos últimos tempos veñen circulando e que danan a imaxe desta entidade, a Asociación Cultural Insua de Viastela considera necesario dirixirse á veciñanza de Corme e á opinión pública en xeral para aclarar, de forma clara e directa, os seguintes puntos:
✅1. Sobre os investimentos para Corme
Esta entidade nunca se opuxo a ningún investimento destinado a Corme. Cando tivemos ocasión de facelo, trasladamos o noso punto de vista sobre a obra do Cabo Roncudo, sempre nos tempos e formas públicas nas que se nos deu audiencia e se nos permitiu achegar as nosas consideracións. En ningún momento paralizamos ningunha obra nin solicitamos a súa paralización.
✅2. Sobre a reforma do porto e a “Ayudantía”
Con respecto á reforma que o Concello de Ponteceso ten previsto realizar no porto, que inclúe actuacións na “Ayudantía”, queremos deixar constancia de que é rotundamente FALSO que esta asociación se opuxera ao proxecto ou que presentase algún tipo de alegación contra este investimento, que consideramos moi positivo para Corme. Todas as actuacións e expedientes públicos teñen os seus propios prazos e trámites. Neste caso concreto, nin tivemos ocasión de opinar sobre o proxecto, nin presentamos ningún tipo de alegación a ningún expediente sobre o mesmo porque o descoñecemos. Resulta, polo tanto, especialmente grave que se pretenda relacionar esta asociación coa súa paralización cando non tivemos ningunha intervención no procedemento. Por este motivo, solicitaremos explicacións ao Goberno municipal para coñecer as causas reais polas que este proxecto foi paralizado, aprazado ou, de ser o caso, anulado, e reclamaremos que se informe con claridade á veciñanza sobre
o sucedido.
✅3. Petición ás institucións públicas
Pedimos ás institucións públicas que exerzan o seu papel: gobernar. Se esta asociación ten algo que manifestar, farémolo de forma aberta, pública e clara, alí onde sexa necesario, para que a nosa postura non deixe lugar a dúbidas.
✅4. Sobre o contexto político
Somos conscientes de que queda un ano para as eleccións e de que se están a instalar na opinión pública dinámicas de frentismo e posicionamentos políticos dos que esta entidade se afasta expresamente. Esta non é a nosa guerra, nin nos vinculamos a ningún posicionamento político que non sexa a defensa do ben cultural e patrimonial de Corme.
✅5. Compromiso coa transparencia
Como non temos medo á transparencia, esta asociación está disposta a amosar cantas evidencias sexan necesarias para despexar calquera dúbida sobre a nosa actuación.
É importante que, cando se acuse, se faga con probas, e que non sexa o inocente quen teña que demostrar a inocencia.
👉Conclusión
Basta xa de manipulacións. Esta asociación é moi necesaria para Corme, e os seus membros actúan de forma altruísta, dentro das súas posibilidades, para contribuír a mellorar social e culturalmente o noso pobo. Non somos nin mellores nin peores ca ninguén. Só pedimos respeto.