23/09/2025
SEGUNDA CONVOCATORIA DE MICRORRELATOS DO INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES (IEC)
Despois de anunciar a convocatoria do segundo premio de microrrelatos do Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC) no pasado mes de xuño, recibimos suxerencias de ofertar unha segunda convocatoria para poder participar o alumnado e profesorado dos centros educativos unha vez comezado o presente curso académico. Admitindo que, en efecto, a convocatoria de xuño coincidía co final do curso lectivo, decidimos abrir unha nova convocatoria, que comezará o 23 de setembro e concluirá o 23 de outubro deste mesmo ano 2025.
As bases son as da primeira convocatoria:
1. O microrrelato debe ser orixinal e inédito (por inédito enténdese que no teña gañado ningún premio nin se teña difundido en ningún medio con anterioridade).
2. O texto non deberá exceder dos 1.200 caracteres con espazos e título incluídos.
3. As obras enviaranse por correo electrónico co asunto: II Concurso de microrrelatos "Instituto de Estudios Carballiñeses", ao enderezo [email protected]
Tamén se poderán enviar por correo postal a este enderezo: A M G. Praza de América, nº 3-2º D. 36211 Vigo
4. Axuntaranse ao correo dous arquivos:
1º arquivo/sobre: conterá o relato firmado con pseudónimo e, para identificalo, levará por nome o título do relato.
2º arquivo/sobre: nomearase coa palabra "PLICA" e o título do relato, debendo conter os datos persoais (nome, enderezo, DNI, teléfono e e-mail do autor/a).
5. Os envíos deberán chegar ao seu destino antes das 24 h. do 23 de outubro do 2025.
6. Cada persoa poderá enviar un máximo de 3 microrrelatos.
7. O xurado estará formado por socios/as do IEC expertos/as neste xénero literario, pola persoa gañadora do primeiro premio do Iº Concurso e aos que se poderán engadir persoas competentes no tema non socios/as do IEC.
8. Os microrrelatos premiados serán publicados polo Instituto de Estudios Carballiñeses e os non premiados serán destruídos.
9. Os microrrelatos premiados quedarán en propiedade do IEC para a súa publicación, difusión ou uso que considere oportuno.
10. A participación no concurso supón a total aceptación destas bases.
Entrega de premios:
O Instituto de Estudios Carballiñeses organizará un acto de entrega de premios, que se publicará oportunamente.
Máis información no correo electrónico [email protected] ou visitando en Badal novas (Bases do II CONCURSO de microrrelatos do Instituto de Estudios Carballiñeses-2025)
Lembramos que hai tres premios:
1.000€ para o primeiro premio.
500€ para o segundo
250€ para o terceiro.
O Carballiño, a 22 de setembro de 2025.