20/10/2026
Hai un ano que MoVeBaiona comezou a traballar para dar voz ás preocupacións das veciñas e dos veciños de Baiona. Un ano de propostas, solicitudes de información e escritos presentados por rexistro ao Concello sobre cuestións que afectan á nosa vila.
Os cortes de luz, os locais de ensaio para a mocidade, o aparcadoiro do Porto Deportivo, a limpeza no porto, os problemas de convivencia no Casco Vello… Asuntos diferentes, pero cunha mesma realidade: non recibimos resposta formal aos escritos presentados.
E si, estamos fartas e fartos de que se nos ignore.
Non porque pretendamos ter sempre a razón. Non porque esixamos que se acepten todas as nosas propostas. Senón porque cremos que escoitar, responder e dar explicacións tamén forma parte da responsabilidade de gobernar.
Para medrar como pobo, temos que madurar como sociedade. Temos que aprender a convivir coa discrepancia, aceptar que non todas as persoas pensamos igual e entender que o desacordo non é unha ameaza, senón unha oportunidade para mellorar.
E esa madurez debe comezar polas institucións. Porque non se pode pedir participación cidadá e despois ignorar a quen participa. Non se pode falar de diálogo se non hai vontade de escoitar.
Por iso, vimos de presentar por rexistro un escrito á Alcaldía para expresar o noso profundo malestar e reclamar respostas aos asuntos pendentes.
MoVeBaiona naceu para sumar, crear e colaborar. Queremos unha Baiona mellor para todas e todos, e seguiremos traballando con esa vontade.
Pero que ninguén confunda a nosa vontade de diálogo coa renuncia a reclamar o que consideramos xusto.
COLABORAR NON É CALAR. DISCREPAR NON É CONFRONTAR. REPRESENTAR A VECIÑANZA MERECE RESPECTO.
Non imos desistir. Baiona merece respostas. A veciñanza merece ser escoitada.