08/09/2026
Trasladamos as reflexións (que compartimos como club) do noso amigo Charli, candidato a quen apoiamos nas anteriores eleccións do 2022 á presidencia da Federación Galega de Xadrez.
ELECCIÓNS Á ASAMBLEA XERAL DA FEGAXA – 2026
No ano 2002 constituíuse a actual Federación Galega de Xadrez. Daquela, o actual presidente pediu o voto ao Club Xadrez Algalia co argumento de que a anterior directiva levaba demasiado tempo no poder e que era preciso un relevo de ideas. Nese momento apoiamos o cambio porque consideramos que ninguén debe eternizarse nos cargos.
A directiva saínte non estaba disposta a ceder e tiña atados os votos suficientes para revalidar a presidencia. Só un erro dun asembleísta, que confundiu as urnas e xerou dous votos nulos, deu a vitoria ao presidente actual, arredor do cal se formou un equipo que desde entón vén xestionando o xadrez galego.
Desde aquela, a estratexia foi a de manter unha Asemblea obediente e apartar a quen discrepase da liña oficial. Así se foron excluíndo persoas e clubs con moito que achegar, aínda que fosen dos que máis traballaran e mellores resultados obtiveran.
Houbo cinco procesos electorais máis, case sempre sen candidaturas alternativas. En 2022, porén, presentouse unha opción que obtivo o 48% dos votos, pero ningún representante, porque a Federación promoveu irregularmente unha lista pechada que excluía a toda a corrente contraria. Clubs históricos e xogadores de primeiro nivel foron substituídos por algúns outros sen case actividade competitiva ou organizadora.
Na actualidade, a FEGAXA atópase dividida en dous bloques, un que se presenta como innovador e outro como conservador ou continuista. Esta visión política desvirtúa a esencia dunha Federación como unión de sensibilidades diversas, converténdoa nunha loita excluínte. Dous grupos promoven listas pechadas que, gañe quen gañe, deixarán fóra da Asemblea a clubs e xogadores con méritos e traxectoria.
O vindeiro 12 de setembro de 2026 (ou ata o día 4 de setembro se votas por correo) volvemos ás urnas para elixir a Asemblea Xeral, que despois escollerá ao presidente para os catro anos seguintes. De novo hai dúas candidaturas.
Imos permitir que nos dean unha lista pechada que exclúa a clubs e xogadores que merecen estar na Asemblea? Está claro que todos os
clubs grandes deben ter representación, pero sen duplicidades, e
tamén aqueles que organizan torneos, actividades formativas ou
outras iniciativas relevantes.
Os representantes dos clubs eliximos 30 clubs para a Asemblea.
Sabemos quen traballa de verdade e quen non. Deixaremos que nos
impoñan a lista ou votaremos con criterio? Algúns presidentes, por
pertencer a entidades máis grandes, descoñecen a realidade do xadrez
galego. Deben informarse cos seus compañeiros ou entorno para votar
con coñecemento, asegurando unha representación xeográfica e de
méritos. Non aceptemos listas pechadas.
O mesmo acontece cos xogadores: estamos chamados a elixir 14
asembleístas. Entre os candidatos hai quen acumula centos de
partidas no último ano e quen apenas xoga o imprescindible para
poderse presentar ás eleccións. Os xogadores en activo coñecédesvos
ben; coincidides habitualmente nos torneos e sabedes quen vos vai
representar e quen só actúa como correa de transmisión doutros
intereses. Votade en consecuencia.
O 12 de setembro, votemos con responsabilidade unha Asemblea
diversa e integradora, onde estean todos os intereses da comunidade.
Non repitamos erros: non deixemos fóra a ninguén con méritos. Non
aceptemos que ninguén nos ofreza un sobre xa cuberto e pechado.
Falemos cos compañeiros, preguntemos aos candidatos e votemos con
criterio propio.
Envío este texto a todos os clubs do censo electoral, coa petición de
que o fagan tamén chegar aos seus xogadores.
Carlos Pena, presidente do Club Xadrez Algalia,
[email protected]