24/10/2026
📍COMUNICADO DE MULLERES SALGADAS
Mulleres Salgadas condena as expresións vexatorias difundidas en audios atribuídos ao Patrón Maior de Raxó e reclama unha investigación inmediata dos feitos
Desde Mulleres Salgadas manifestamos a nosa máis profunda preocupación e a nosa firme condena ante o contido dos audios difundidos publicamente e atribuídos ao Patrón Maior de Raxó, Iago Tomé, nos que unha profesional do mar é destinataria de insultos, descualificacións persoais e expresións de extrema gravidade que consideramos incompatibles co respecto debido entre persoas compañeiras e co exercicio responsable de calquera cargo de representación.
Como entidade comprometida coa igualdade, coa dignidade das mulleres e coa defensa dos seus dereitos no sector marítimo-pesqueiro, consideramos intolerable que a discrepancia ou o debate profesional poidan derivar en manifestacións que atenten contra a dignidade dunha persoa.
As mulleres do mar levamos décadas traballando para conquistar espazos de participación, representación e toma de decisións nun sector no que historicamente tivemos que superar importantes obstáculos. Por iso, non podemos aceptar actuacións ou comportamentos que contribúan a crear un clima de intimidación, menosprezo ou descrédito cara ás mulleres que participan activamente na vida das súas confrarías e organizacións profesionais.
Desde Mulleres Salgadas queremos expresar toda a nosa solidariedade e apoio á compañeira afectada.
Ningunha muller debería verse sometida a insultos, humillacións ou ataques persoais polo feito de exercer os seus dereitos, expresar as súas opinións, formular preguntas ou defender os seus intereses profesionais. A protección da súa dignidade, da súa integridade e do seu benestar debe ser unha prioridade para todas as institucións implicadas.
As confrarías son institucións fundamentais para o presente e o futuro das nosas comunidades costeiras. Precisamente por iso, deben ser espazos seguros, respectuosos e democráticos, nos que todas as persoas poidan participar en condicións de igualdade e sen temor a sufrir represalias ou descualificacións persoais.
Consideramos especialmente preocupante que uns feitos destas características estean vinculados a unha persoa que ocupa un cargo de representación institucional. Quen exerce responsabilidades públicas ou representativas debe actuar con respecto, exemplaridade e responsabilidade, contribuíndo ao diálogo e á convivencia dentro do sector.
Por todo o anterior, Mulleres Salgadas esixe que se investiguen os feitos con rigor, transparencia e dilixencia, e que se adopten as medidas oportunas e contundentes que correspondan á vista das conclusións que se alcancen, garantindo en todo momento a protección da persoa afectada e o respecto aos seus dereitos.
Non estamos ante unha simple discrepancia profesional. Cando o insulto e a descualificación persoal substitúen o diálogo e o respecto, vense comprometidos principios fundamentais como a dignidade das persoas, a convivencia democrática e a participación efectiva das mulleres na vida do sector pesqueiro.
Mulleres Salgadas reafirma o seu compromiso cun mar libre de discriminación, intimidación e calquera forma de violencia contra as mulleres. Seguiremos defendendo o dereito das mulleres do mar a participar, opinar e exercer os seus dereitos con liberdade, seguridade e dignidade.
Nin o silencio nin o medo teñen cabida nas nosas confrarías.
Pola dignidade das mulleres do mar.
Pola igualdade.
Polo respecto.
Mulleres Salgadas