04/01/2026
Este sábado, 3 de xaneiro, coorganizados pola Asociación Cultural Avelino Díaz e pola Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, co amparo dos concellos de Riotorto e Meira, celebráronse dous actos arredor da memoria de Avelino, especialmente centrados nos anos nos que el viviu na Órrea antes de marchar para A Pena, en Meira, e despois para América.
O primeiro deles consistiu no descubrimento dunha placa que recorda a existencia do “Sindicato”, un economato que utilizaba a parroquia e grazas ao cal se conseguía poñer a disposición da veciñanza víveres a un prezo asequible, entre eles as patacas da semente, por exemplo. A particularidade deste edificio, consecuencia do fenómeno coñecido como Agrarismo que tivo lugar en Galicia a principios do século XX, é que era propiedade de Manuel María García Castro, “O Xuez da Órrea”, pai natural de Avelino.
O segundo, foi un relatorio do profesor Henrique Hervés Sayar sobre a época na que viviu Avelino na Órrea e, en xeral, en Galicia antes de marchar, en 1920, para América definitivamente. Foi unha charla especialmente acaída porque estivo centrada no sucedido no concello de Riotorto e, particularmente, na parroquia da Órrea. Grazas a el, comprendemos un pouco máis sobre como unhas cousas foron dando con outras… ata entender realmente por que Gervasio da Aldea, por exemplo, ía buscar viño para a súa casa, sendo neno, ao propio “Sindicato”.
A actividade contou tamén coa lectura de poemas de Avelino e de seu pai nas voces de Laura de Albertín, Noelia de Cartas, Ana Jartín e Javier do Zarelo. Graciela de Campos, que tiña unha intervención anunciada, finalmente non puido asistir por motivos persoais.
Foi Sandra de Patorna quen moderou, de xeito maxistral como sempre fai, os dous actos.