29/01/2026
Boas tardes,
Hai veces nas que non merece a pena facer caso a quen nos critica, insulta ou tenta desacreditarnos. Sexan concelleiros, autoridades públicas ou simples personaxes das redes sociais. O que aprendemos neste ano de traballo coa plataforma é que, cando faltan argumentos, só lles queda o insulto (nas redes) ou as mentiras e os ninguneos (nos despachos).
Cada quen desempeña o seu papel, e é moi doado desenmascaralos, os seus intereses persoais son moito maiores ca a súa capacidade de razoamento. Só hai unha maneira de estar en contra de que as persoas maiores coman dignamente, e é ter intereses persoais nese sistema.
Hoxe, un destes ferventes defensores do servizo recoñece por fin algo que levamos tempo denunciando. Despois de acusarnos en innumerables ocasións de manipulación, publica un comentario no que afirma que “o prato ten mala pinta”, referíndose á comida do Xantar na Casa que compartimos nas redes. E por iso, hoxe si imos facer caso.
O vídeo, publicado hai uns días, corresponde ao mesmo día que a fotografía. Mesmo prato, mesmo lugar, mesma data. Os feitos son do 14 de xaneiro, tres días antes da data de caducidade. A foto publicouse ao día seguinte e o vídeo unha semana despois, algo que considerabamos evidente. Trátase do mesmo prato, no mesmo lugar e no mesmo día. Pero cando se esgotan as escusas para atacarnos, calquera argumento vale.
E deixamos aquí unha reflexión:
se ata o máis fervente defensor deste servizo de catering recoñece que “o prato tiña mala cara” cando aínda lle quedaban 3 ou 4 días para caducar, non é hora de que as autoridades actúen?
Xa é indefendible, incluso para quen o defende.
Por unha Comida Digna Xa!