ASOCIACION PARA A COMUNICACION COS EMIGRANTES GALEGOS
BREVE HISTORIA
A Asociación para a Comunicación cos Emigrantes Galegos (ACEGA), nace no ano 1997 en Hospitalet de Llobregat, fundada por Antonio Díaz Fernández e Salvador Soutullo Carolo, xunto cun grupo de amigos galegos, residentes en Cataluña, Euskadi, Galicia, Suíza e Bélxica: Hoxe conta cun asociado dun centenar de persoas, res
identes nos lugares antes citados, que teñen como obxectivos a comunicación e o estudio da problemática da emigración galega, especialmente en Europa. A xunta directiva da asociación está presidida por Antonio Díaz Fernández, e a súa sede social atopase no “Hotel d’Entitats San Feliut” Hospitalet (Barcelona) e conta con delegados en Galicia, Euskadi e Bélxica.
¿Que é A ACEGA? ACEGA, é unha entidade, sen animo de lucro, que nace con vocación de servir á comunidade galega emigrada no territorio da Unión Europea, incluíndo ós emigrantes galegos doutras comunidades autónomas do Estado Español. Son obxectivos de ACEGA:
- O estudio e divulgación da problemática dos emigrantes galegos da UE.
- Servir de ferramenta para difundir a problemática dos galegos nos diferentes medios de comunicación, así como as actividades das súas entidades.
- Editar e publicar revistas, libros, monográficos, traballos de investigación, opinión e información en lingua galega, (Especialmente en temas da emigración).
- Divulgar e defender os intereses de cráter cultural, linguistico, social e político de Galicia como Nación, e de tódolos seus emigrantes. A nosa mensaxe é:
LINGUA: é o elemento básico que garantira a singularidade cultural do pobo galego. Desde ACEGA queremos traballar para dar un novo impulso ó proceso de normalización linguistica da comunidade galega residente en Europa. Queremos animar ás organizacións galegas da emigración a facer publicacións de calidade en lingua galega; ós empresarios galegos da emigración a redactar os seus escritos en galego, ás persoas a escribir e falar na lingua que nos é propia; ós profesores que imparten cursos nas entidades que o fagan en galego...
MEDIOS DE COMUNICACIÖN, se queremos traballar eficazmente para prestixiar internacionalmente Galicia, e na resolución dos seus problemas sectoriais; temos que facer chegar as nosas propostas ós medios de comunicación. Para dar unha imaxe rigorosa do traballo que se está a facer desde a diáspora; fuxindo desa imaxe frívola que moitas veces se potencia para esconder detrás dos traxes tradicionais a nosa problemática social, cultural e política. Hoxe non se pode facer chegar unha mensaxe á sociedade sen contar cos medios de comunicación. As nosas actividades
A primeira publicación de Acega editase no outono de 1997, co titulo “Na emigración tamén en galego”, cunha tirada de 20.000 exemplares distribuídos en tódalas entidades galegas da emigración, e organismos oficiais, un decálogo co que se pretendía impulsar a utilización do galego nas entidades da emigración. En xuño de 1998 ACEGA edita o libro, “A Emigración Galega na Unión Europea”, financiado polo Parlamento Europeo “Dirección Xeral XXII. Na súa primeira edición de 5.000 exemplares que foron distribuídos gratuitamente por correo a tódalas persoas, entidades e institucións galegas que tiñan algo que ver co tema da emigración , así como a tódolos deputados do Parlamento Galego. En outubro do mesmo ano ACEGA edita unha segunda edición numerada de 1.000 exemplares, parte deles foron vendidos nas librerías de Galicia, e o resto doado as bibliotecas e arquivos históricos galegos. Deste libro temos un fondo para atender as peticións de xente interesada en adquirilo. En febreiro de 1999 ACEGA edita a segundo libro co que se pecha o proxecto A Emigración Galega na Unión Europea titulado “Valoracións”, cunha tirada de 2.000 exemplares, no que se recollen as valoracións do proxecto, en traballos de diversos autores de recoñecemento no tema, así como as actas dos actos feitos durante a realización do proxecto. Estes dous libros publicáronse dentro da Colección Retorno de ACEGA Edicións. En xullo de 1999 co gallo do Día da Patria Galega, ACEGA edita o primeiro libro de narrativa, “República Galega” de Salvador Soutullo Carolo unha novela de política-ficción cuxa trama se desenvolve no remate do cuarto do Século XXI. Os protagonistas militantes dun partido nacionalista de corte interclasista que asisten a un proceso de convulsións políticas en Galicia, Cataluña, Euskadi, Canarias e outras nacións sen estado de Europa. A finais do ano 2000 ACEGA edita o primeiro libro da Colección “Semente do Pobo”, escrito por Antonio Díaz e dedicado os Zoqueiros, con este colección ACEGA pretende a recuperación da nosa cultura tradicional e artesán, entre a que se atopan os antigos oficios. As publicacións de ACEGA atópanse en librerías de venda habitual de libros galegos, así como no enderezo da entidade, e encargos ó correo electrónico (sempre que haxa asistencias) [email protected]
No eido da edición estase traballando nunha próxima publicación dentro da Colección Semente do Pobo e outra na Colección Retorno, así como nunha publicación periódica que proximamente sairá do prelo o seu primeiro numero. Asemade durante estes anos ACEGA leva organizado diversas actividades tanto nas súas dependencias como en colaboración con outras entidades galegas, da Unión Europea, conferencias, recitais musicais, as celebracións tradicionais, e a exaltación de figuras da literatura e a arte galegas, encontros de veciños residentes en Cataluña, así como estudios sobre a problemática da emigración galega, e a utilización da nosa lingua nas entidades galegas da diáspora etc.